O Consello da Xunta de Galicia declara estratéxica a industria da construción
Xunto coa industria da alimentación e o sector téxtil, representa ao redor do 35% do emprego industrial de Galicia
O Consello da Xunta de Galicia acordou onte, 17 de febreiro, declarar a industria da construción como estratéxica para iniciar a elaboración do seu plan director. Xunto cos sectores de alimentación e téxtil, que tamén foron declararon estratéxicos, representa ao redor do 35% do emprego industrial de Galicia.
Esta declaración é un recoñecemento á importancia da industria da construción, que supón o 5,7% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) do ano 2023, con máis de 133.000 persoas traballadoras.
Consulta pública para elaborar o plan director
Logo desta declaración no Consello do Goberno galego, iniciarase unha consulta pública para solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións máis representativas do sector. Na elaboración destes plans directores tamén participarán as consellerías con competencias na materia, o sector privado e representantes das persoas traballadoras.
Os plan directores son instrumentos para potenciar o desenvolvemento da actividade industrial mediante a definición de medidas para o seu impulso co obxectivo de fortalecer a industria galega, a competitividade e produtividade das empresas así como a creación e mantemento do emprego.
